Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG critica que a intransixencia do BNG privara dun acordo para solicitar a Fomento a supresión da peaxe na AP-9 entre Rande e Vigo

05 Abr 2017

Santiago, 5 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou que “a intransixencia do BNG privara de aprobar hoxe un acordo no Parlamento a través do que se demanda ao Goberno centrala supresión da peaxe na AP-9 no treito entre Rande e Vigo, para que teña funcionalidade de circunvalación de Chapela e Teis”. Deste xeito, Pazos anunciou que o Grupo Popular presentará unha nova proposición non de lei “con este e outros asuntos dirixidos á mellora da calidade de vida e a minimizar o impacto das infraestruturas en Chapela, co obxectivo de que finalmente sexa aprobado polo Parlamento, co apoio ou non dos grupos da oposición”.


Alberto Pazos amosou a disposición do Grupo Popular de apoiar todos os puntos da iniciativa defendida polo BNG, pero “negámonos rotundamente a apoiar a emenda do Grupo Socialista porque a consideramos unha burla aos veciños de Redondela ao recoller unha lista de asuntos que neste momento o Concello de Redondela xa está negociando para minimizar a desfeita que deixaron os gobernos socialistas en Chapela”. Finalmente, o BNG optou por incorporar a emenda do Grupo Socialista, rexeitando o apoio para a aprobación da proposta ofrecida polo Grupo Popular, negándose ademais á votación por puntos.


COMPROMISOS EN EXECUCIÓN


O deputado popular repasou, punto por punto, as medidas incorporadas polo BNG na súa proposición non de lei, que cualificou de “carta aos Reis Magos, pero coa maioría dos desexos que xa son compromisos certos e en proceso de execución froito do traballo dunhas institucións gobernadas polo PP, que están comprometidas para minorar o dano que se lle causou a Chapela”.


En concreto, Pazos indicou que “gracias a ese traballo se conseguiu gratuitamente a finca da Ginaria, pola que nacionalistas e socialistas querían que o concello pagase mais de 2 millóns de euros; vai a construírse o novo colexio da Igrexa, sen cargo para a consellería, nin para o concello, sen obrigar aos alumnos a permanecer no vello ou distribuírse nos outros centros xa existentes en Chapela, como pretendía o PSOE; e se van a mellorar os accesos da parroquia de Chapela, ampliando a ponte de acceso a Trasmañó, que non estaba prevista no Real Decreto que aprobaba a ampliación da AP-9”.


Así mesmo, lembrou que “o Goberno popular de Redondela, co apoio da Xunta, xa iniciou a tramitación do proxecto de reordenación de accesos e adecuación de marxes da N-552 en Chapela; estase a buscar unha nova localización para o mantemento do servizo de correos; e xa aprobamos no Parlamento unha proposición non de lei solicitando a instalación de sistemas de protección antirruidos en Chapela e Teis, así como o uso de pavimento de baixo impacto acústico”.

Síguenos nas redes sociais