Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento aproba elaborar un programa para conmemorar o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como 1º Itinerario Cultural Europeo

05 Abr 2017

Santiago, 5 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a elaborar un programa de conmemoración do 30 aniversario da declaración, por parte do Consello de Europa, do Camiño de Santiago como 1º Itinerario Cultural Europeo, ao tempo que recolla no mesmo accións de impulso dos demais itinerarios culturais europeos do Consello de Europa nos que participa Galicia.

Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo Socialista, acordouse solicitar a colaboración dos concellos implicados nos itinerarios culturais en Galicia a través da Fegamp.


A deputada popular María Antón Vilasánchez lembrou que o Consello de Europa declarou o 23 de outubro de 1987, nun acto celebrado en Compostela, o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. “O Camiño foi o escollido polo Consello de Europa para ilustrar a identidade europea, pero hoxe en día o Camiño transcende esta propia realidade para converterse no símbolo internacional da tolerancia e o respecto ás diversidades sexan relixiosas, políticas ou culturais”, manifestou.


Neste sentido, apuntou que “o Camiño é ese espazo de encontro entre os homes e mulleres de todo o mundo na procura e na vivencia de valores de fonda raíz humanista como a solidariedade, a liberdade, a tolerancia, o sacrificio ou a xenerosidade”.


“Hoxe en día, 30 anos despois, a Declaración de Santiago segue perfectamente vixente, polo que creemos que desde Galicia, a conmemoración deste aniversario é unha ocasión excepcional para reivindicar o espírito do Camiño nunha Europa que vive inmersa nun momento crucial para dirimir o seu futuro e o seu papel no mundo”, sinalou a deputada popular.


VISIBILIZAR OS ITINERARIOS CULTURAIS


Ademais, Antón Vilasánchez manifestou que este aniversario “debe ser tamén un momento de reflexión sobre a rede de itinerarios culturais declarados que percorren toda Europa, a súa xestión, o seu papel, as fórmulas colaborativas existentes  e como afrontar o futuro compartido”. En concreto, lembrou que actualmente existen 32 os itinerarios declarados, nos que España participa en 22 e Galicia, ademais do Camiño, forma parte de nove de temática tan variada como os vikingos e normandos, a rede de sitios cluniacenses, os itinerarios europeos do patrimonio xudeo ou a ruta europea do patrimonio termal e das cidades termais, entre outros.


“Visibilizar estes itinerarios e darlles un pulo no seu coñecemento e recoñecemento é unha oportunidade que debemos aproveitar porque, en definitiva, estamos afondando nas nosas propias raíces, na nosa propia historia e na historia que nos une a outros pobos e xentes”, remarcou.

Síguenos nas redes sociais