Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG apoia o impulso dun acordo entre empresarios e sindicatos que "estableza unha senda de crecemento nos salarios"

04 Abr 2017

Santiago, 4 de abril de 2017.- O Grupo Popular apoiou este martes no Pleno do Parlamento de Galicia unha moción que vai encamiñada a lograr acordos entre empresas e sindicatos para conseguir unha suba salarial dos traballadores galegos e reforzar as inspeccións para impedir a fraude nas contratacións a tempo parcial, así como para aumentar a vixilancia sobre os contratos de formación.


O viceportavoz popular, Miguel Tellado, puxo en valor a capacidade do grupo maioritario da Cámara para apoiar iniciativas da oposición, como aconteceu neste caso cunha de En Marea, sempre que redunden no benestar dos traballadores da Comunidade galega.


COMPROMISO INNEGABLE


Así, Tellado lembrou que a mellora das condicións laborais é un compromiso innegable non só da Xunta de Galicia, senón de todas as administracións públicas, e como tal está recollido no Plan Estratéxico 2015/2020.


Neste sentido, tamén quixo subliñar algúns datos en materia de emprego que inciden en que a recuperación económica é unha realidade consolidada: a contratación indefinida medrou no último ano preto dun 10 por cento, os contratos a tempo completo aumentaron un 8,7 por cento; e as desigualdades son menores que no conxunto do Estado e teñen diminuído desde 2009.


Outro dos puntos nos que finalmente se puido acadar un amplo consenso foi arredor da inclusión de cláusulas sociais nos pregos de contratación pública. Malia que este acordo supón un novo impulso na materia, Tellado lembrou que a Xunta leva anos introducíndoas, mesmo por Lei, coma nos textos autonómicos como o de Racionalización ou o de Garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, dos que reprochou que “no seu día AGE votou en contra”.

Síguenos nas redes sociais