Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que o importante dos orzamentos do Estado é que Galicia teña as infraestruruas que precisa para poder competir en igualdade de condicións

03 Abr 2017

Santiago, 3 de abril de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe, respecto dos orzamentos da Administración central para 2017, que “o importante é que Galicia teña as infraestruturas que precisa para poder competir no espazo español e europeo con igualdade de condicións” e apuntou que “os compromisos do Ministerio de Fomento apuntan a que a brecha que hai con respecto á alta velocidade vaise reducir e vai haber os esforzos de investimento necesarios para que esa infraestruturas estea operativa o antes posible”.


Puy sinalou que “o Estado ten a función esencial de cohesionar o territorio español con infraestruturas que manteñan un principio de igualdade de oportunidades económicas, e ao mesmo tempo un principio de equidade e xustiza social, non deixando que rexións queden alonxadas da posibilidade de incorporarse aos mercados español e europeo”.


INVESTIMENTOS EN GALICIA


Neste sentido, considerou “normal que no ritmo de execución destas actuacións do Estado que buscan unha cohesión con grandes infraestruturas que cruzan toda a península ibérica haxa comunidades que nun determinado momento teñan máis investimentos e noutros teñan menos”.  “Hai exercicios nos que se impulsan obras que implican maiores investimentos en determinadas comunidades autónomas e outros anos actuacións que supoñen mais investimento noutras autonomías”, engadiu.


O portavoz popular asegurou que “o Goberno de España está investindo en Galicia moito por enriba do que solicitaban na reforma do Estatuto os que agora critican os investimentos: pedían o 8 por cento e no último ano superou o 12 por cento”. Deste xeito, sinalou que “os feitos desmenten esas afirmacións e o Ministerio de Fomento está comprometido con impulsar as infraestruturas que precisa Galicia para non perder a competitividade en relación con outras comunidades autónomas”.


BENEFICIOS DE CUMPRIR CO DÉFICIT


Cuestionado sobre os beneficios do cumprimento do déficit público por parte da Comunidade Galega, Puy explicou que este feito “tradúcese nunha mellor situación en relación con outras comunidades aos efectos de elaborar políticas de gasto”.


Así, apuntou que “somos, xunto con Canarias, a única comunidade que podemos entrar nun mecanismo de financiamento gratuíto, con tipo de xuro cero, como é o Fondo de Facilidade Financeira, que permite dedicar recursos a outros fins”. Esta situación “supón un recoñecemento a que Galicia cumpriu, non precisa do rescate do Estado e non ten que cumprir determinados requisitos para pagar aos seus provedores, como ocorre nas comunidades que acudiron ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA)”, subliñou.

Síguenos nas redes sociais