Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo avanza que, se os galegos queren, será a lexislatura do rural, cunha aposta pola calidade, a reestruturación e a diversificación

21 Sep 2016

O Saviñao, 21 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, se os galegos queren, este mesmo luns comezará a lexislatura do rural, cun proxecto claro de futuro, no que avanzaremos en tres sentidos: na aposta pola calidade, na reestruturación e na diversificación. En concreto, avanzou novas axudas para mellorar a rendibilidade das pequenas explotacións lácteas, o peche da parcelaria en 132 zonas para beneficiar a 90.000 familias, garantir acceso a internet de alta velocidade ao rural galego, impulsar o aproveitamento dos bosques co novo Plan Forestal ou a apertura de 30 casas-niño nos concellos rurais para facilitar a conciliación laboral.

Nun acto sectorial con representantes do rural celebrado no concello lucense do Saviñao, Feijóo asegurou que o rural está no ADN de Galicia porque é a forma de vida que levamos dentro os galegos. Así, explicou que 22 das 53 comarcas galegas están especializadas no sector primario.

 

GALICIA PROGRESA CANDO O SECTOR PRIMARIO PROGRESA
Feijóo fixo fincapé en que Galicia progresa cando o seu sector primario progresa, cando a produción do sector leiteiro crece un 15% entre 2010 e 2015; cando o valor da produción ecolóxica se duplica desde 2009; cando a produción de carne da IXP Ternera Galega sube un 21,5% nos últimos sete anos; cando as exportacións dos nosos viños crecen máis de seis puntos nos últimos catro anos; ou cando a facturación do sector forestal, no que somos a novena potencia europea, volve aos niveis previos á crise.

 

Por outra banda, sinalou que Galicia non merece un presidente que o vexa todo negro, pero asegurou que a el tampouco o verán dicindo que todo vai fenomenal porque non é certo: as cousas van mellor do que foron e, como engadiu, xuntos podemos conseguir que sigan mellorando.

 

“Quero que o mundo mire cara ao rural galego e diga: nesta xente pódese confiar”, manifestou. Así, lembrou proxectos que “confían en nós” como o de Goodleit, que investirá 70 millóns de euros para abrir unha planta que procese un de cada cinco litros de leite que se producen en Galicia; o de Dairylac, que investirá 11 millóns de euros para diversificar o proceso de transformación do leite; ou o de Queserías Entrepinares, que anunciou un investimento de 16 millóns de euros en ampliar a súa planta de Vilalba.

CONFIAMOS NO FUTURO DO RURAL
O presidente do PPdeG asegurou que os populares confían cada vez máis no futuro do rural, porque fronte á desconfianza dos que pintan un éxodo rural masivo está a realidade de que se triplicou o número de mozos que solicitan unha axuda de ata 70.000 euros para iniciar unha actividade agraria.

 

Na súa intervención, lembrou que a forte aposta polos produtos agrarios de calidade realizada nos últimos anos, impulsando as indicacións xeográficas protexidas para o capón de Vilalba, a vaca e boi galegos ou as ribeiras do Morrazo; as axudas ás denominacións de orixe e agrupacións de produtores para mellorar a súa promoción; as subvencións a unha de cada dez explotacións para producir con calidade; ou a mellora dos programas sanitarios que atenden ás explotacións para garantir que o noso gando cumpra os requisitos máis estritos.

 

A reestruturación das fincas e das explotacións é imprescindible para mellorar a súa rendibilidade. Por este motivo, Feijóo indicou que se aprobou unha Lei de mellora da estrutura territorial agraria; impulsouse este ano a concentración parcelaria para beneficiar a 30.000 familias e na vindeira lexislatura pecharase a parcelaria en 132 zonas para beneficiar a 90.000 familias; ou investirase cerca de 80 millóns de euros en mellorar os accesos ás fincas e no seu acondicionamento.

 

QUE OS MOZOS QUEDEN NO RURAL
Ademais, o presidente do PPdeG manifestou que “queremos que os mozos queden no rural”. Para elo, lanzan aceleradoras de empresas que asesoran aos mozos que queren crear unha empresa, tamén no mundo rural; e contan con axudas para iniciar actividades non agrícolas.

 

Feijóo asegurou que unha das máximas prioridades para a vindeira lexislatura será o desenvolvemento do Plan de Banda Larga para garantir que todos os puntos de Galicia dispoñan de acceso a internet de alta velocidade, de xeito que o rural sexa un lugar tan adecuado como calquera cidade para abrir calquera negocio ou proxecto empresarial.

 

Así mesmo, afirmou que o rural é unha forma de vida que incentivarán co Plan de impostos cero para vivir e traballar, a través do que desde este ano non se paga nin un euro de impostos por mercar ou permutar parcelas, e desde o vindeiro ano a mocidade, as familias e persoas con discapacidade non pagarán nin un euro de impostos por mercar a súa vivenda nun concello rural.

Ademais, avanzou que impulsarán o aproveitamento dos nosos bosques, cun novo Plan Forestal e un programa para plantar un millón de castiñeiros; blindarán con case 1.200 millóns de euros do Plan de Desenvolvemento Rural ata 2020, sendo a comunidade que lidera os pagos a PAC; ofrecen 12 graos universitarios e 14 ciclos de FP relacionados co agro e o medio ambiente; e mellorarán a conciliación laboral coa apertura de 30 casas-niño nos concellos rurais.

Síguenos nas redes sociais