Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG pregunta ao Goberno no Congreso e no Senado pola súa discriminación a Galicia na desescalada

06 May 2020

6, maio, 2020. Os representantes do PPdeG no Congreso dos Deputados e no Senado rexistraron sendas preguntas ao Goberno central na busca de unha aclaración sobre os seus criterios na desescalada, que neste momento son discriminatorios para Galicia.

Tal e como expuxeron, a Orde do Ministerio de Sanidad, publicada o pasado 1 de maio, sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece que “as franxas horarias previstas neste artigo non serán de aplicación a aqueles municipios e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, nos que a práctica das actividades permitidas por esta orde non se poderán levar a cabo entre as 6:00 horas e as 23:00 horas”.

 

Un punto que, segundo explican, deu lugar a diversas interpretacións por parte dos responsables das diferentes Delegacións de Goberno. Así, no Principado de Asturias tomouse como unidade de referencia aos núcleos de poboación e non aos municipios. Isto é: naqueles núcleos de menos de 5.000 habitantes non hai franxas horarias nin para os paseos nin para as prácticas deportivas. Unha decisión que, ademais de ser avalada polo Executivo central, apoian os representantes do PPdeG por adecuarse máis ás características de Galicia.

 

Os representantes populares nas Cortes Xerais avogan porque se tome como referencia o núcleo de poboación, e non o municipio, á hora de aplicar a norma referida ás saídas dos cidadáns para dar paseos e practicar actividade física. Deste xeito, avogan porque se corrixa de forma inmediata a decisión adoptada polo delegado do Goberno en Galicia que afecta a máis dun millón de galegos que viven en localidades pequenas, aínda que pertencen a municipios máis grandes.

 

“Se o Goberno non é capaz de coordinar a dous delegados territoriais dificilmente poderá coordinar a resposta de todo un país a esta crise”, engade a deputada popular, Marta González. “Esperamos que esta discriminación non teña nada que ver co feito de que este ano sexa para Galicia ano electoral”, di.

 

Os populares urxen a que se despexen todas as contradicións existentes sobre as franxas horarias e piden que se homoxeneice o criterio elixido, avogando porque se aplique o que se emprega no Principado de Asturias: o núcleo de poboación. Por iso, lamentan que o delegado do Goberno na nosa Comunidade non seguira o exemplo de Asturias e, pola contra, optara como unidade de referencia, ademais dos municipios con menos de 5.000 habitantes, ás entidades locais menores -núcleos de poboación pequenos, con poucos habitantes e con algún tipo de xurisdición especial, pero dependentes dun municipio maior-.

 

Os representantes populares no Congreso e no Senado consideran “errónea e prexudicial para os intereses dos galegos” a aplicación que fai o delegado do Goberno en Galicia da norma. Unha interpretación, engaden, que, ademais de causar malestar entre os alcaldes dos concellos afectados, non foi explicada nin aclarada. Neste senso, consideran que se debería levar a cabo a mesma interpretación que a realizada en Asturias, por ser “acorde á realidade demográfica de Galicia”.