Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado asegura que Galicia xa traballa para a recuperación do mercado laboral e pide que o Executivo central faga o mesmo

05 May 2020

5, maio, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia xa traballa na recuperación do mercado laboral nunha situación socioeconómica sen precedentes e pide ao Goberno central que faga o mesmo. Así se expresaba tras publicarse os datos de paro do mes de abril, que reflicten as nefastas consecuencias da crise provocada polo coronavirus.

 

Como indicou, co obxectivo de reactivar a economía e reconstruír socialmente a Comunidade e logo de poñer en marcha nas últimas semanas medidas para inxectar liquidez tanto a empresas como a traballadores, o Executivo galego xa está recollendo as propostas dos principais axentes económicos e sociais mentres conta co asesoramento do Comité de Expertos Económicos.

 

Tellado sinalou que a reunión de onte do Comité de Expertos puxo de manifesto a importancia de traballar en catro direccións para garantir a seguridade xurídica de empresas e persoas traballadoras. Deste modo, faise preciso desvincular o ERTE de forza maior do mantemento do actual estado de alarma, flexibilizar a xornada laboral, introducir bonificacións nas cotas á Seguridade Social e deducións fiscais para incentivar o mantemento e a recuperación do emprego e establecer protocolos de prevención para a volta á actividade que se complementen co fomento do teletraballo e a formación en novas tecnoloxías.

 

Cómpre salientar que a Comunidade xa adoptou medidas como a suspensión de impostos autonómicos, os anticipos dos ERTE ou as axudas á liquidez das empresas que deberían servir de inspiración ao Goberno.

 

De igual xeito, o secretario xeral incidiu en que as cifras do paro en Galicia, malia ser mellor que as de España, evidencian que queda moito por facer e que a debilidade parlamentaria do Executivo de Sánchez pode ser un lastre engadido: “Oxalá o conxunto do Estado tivese o nivel de estabilidade política e institucional que temos na Comunidade”.

 

A NECESIDADE E A URXENCIA DUN PLAN

O número dous dos populares galegos solicitou ao Executivo central que tome exemplo do que fai a Xunta, e pediu máis unidade e consenso á hora de adoptar medidas para así superar canto antes esta situación de maneira conxunta. Sobre isto, Tellado lamentou que o Goberno de Sánchez faga caso omiso ás propostas en materia de emprego, política fiscal e estímulos a empresa e autónomos que lle fixo a Comunidade: “Galicia realizou iniciativas construtivas en todos os ámbitos que non quixeron escoitar”.

“Os datos do paro non fan máis que confirmar que estamos atravesando unha situación cuxa gravidade require da activación inmediata dun plan co que reducir o impacto que esta crise está a xerar na economía en xeral e na vida de centos de miles de familias galegas en particular”, subliñou lembrando que as decisións improvisadas do Goberno están a xerar novos despidos cada día.

 

O secretario xeral insistiu en que este plan debe incluír medidas como segmentar as axudas ás empresas en función da súa afectación polo estado de alarma ou reconsiderar a decisión de esixir a empresas e autónomos a que cumpran coas súas obrigas fiscais aínda que sexa pedindo préstamos bancarios e pagando xuros por elo. Así mesmo, apuntou que ten que facilitar crédito a empresas que serían viables sen esta crise pero que poden deixar de selo por falta de liquidez, axilización no pago a provedores, modificación nos prazos de pago de algúns impostos, nas declaracións “a ingresar” do IRPF e nas autoliquidacións do IVE, e rescates de plans de pensións sen penalización ata final de ano, entre outras.

 

“O Goberno debe deixar de xogar a proba-erro e comezar a dar certezas aos empregados, aos autónomos e ás empresas”, destacou Tellado ao tempo que  resaltaba a necesidade de pactar unha resposta económica coas Comunidades Autónomas.