Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo pide á mocidade que apoie que Galicia siga a contracorrente da política da división e do enfrontamento que hai en España

22 Feb 2020

22, febreiro, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu á mocidade que apoie que Galicia siga a contracorrente da política da división e do enfrontamento que hai en España.

Durante un acto en Pontevedra, acompañado por máis de 250 mozos, o líder dos populares galegos incidiu en que o diferente na España política é Galicia, porque é moderación, coherencia e respecto; busca sempre aquilo que une; cumpre coas súas responsabilidades; e é politicamente libre.

 

Fronte ás formacións que din ser a novidade, o diferente e a voz dos máis mozos, Feijóo destacou que só son “máis do mesmo” na política en España, porque son os que intentan adoutrinar e manipular aos mozos para que non pensen e se formen libremente. Por iso, insistiu en que o PPdeG non quere dividir á sociedade en dous bloques; propugnar a disputa permanente; etiquetar á xente segundo a súa procedencia, pensamento ou ideoloxía; actuar por intereses partidistas; e clasificar entre bos e malos demócratas.

 

“NON QUERO UNHA GALICIA DE IMPOSICIÓNS”

“Non quero unha Galicia fragmentada nin unha Galicia de imposicións”, salientou Feijóo, quen avogou por unha Comunidade que una aos mozos entre si sen enfrontalos en posicións intransixentes e extremas. Nese senso, precisou que confía no futuro de Galicia, xa que cre nunha xuventude “esforzada, creativa e solidaria”.

 

De igual modo, asegurou que o PPdeG non ten máis obxectivo que os galegos sexan cada vez máis libres, non só de imposicións, senón tamén para desenvolver as súas vidas, sentíndose máis seguros con servizos públicos que funcionan, e para conquistar o futuro.

 

Asegurou que, a pesar de ser o candidato de máis idade, pode garantir que “en idealismo por un sociedade máis xusta, máis equitativa e máis unidade; en ideas, en confianza no futuro, en actitude, en motivación e gañas, son o candidato máis mozo de todos os que se presentan á Xunta de Galicia”.

 

GALICIA, UNHA TERRA DE MÁIS OPORTUNIDADES

“Galicia é hoxe unha terra de máis oportunidades, máis futuro e máis liberdade”, subliñou o presidente do PPdeG, quen puxo en valor o crecemento que experimentou a nosa Comunidade na última década, para ser hoxe unha terra que crea emprego, que ten saldo migratorio positivo e que se abre á innovación. Neste eido, recordou que, con respecto a hai tres anos, Galicia inviste un 23% máis en I+D, é unha Autonomía que apoia de forma decidida aos emprendedores e innova en sectores como a automoción, o naval, a pesca, o agro ou o aeronáutico.

 

“Temos a educación pública máis completa, máis competitiva e con mellores resultados”, sinalou; ao tempo que afondou en que o inglés xa forma parte do día a día nas escolas públicas; a tecnoloxía emprégase nas aulas de xeito cotiá; incluíronse materias como robótica, programación ou  oratoria para de crear mellores profesionais no futuro; e impleméntanse plans contra o machismo.

 

Do mesmo xeito, salientou que desde hai dez anos invístense de media 2,3 millóns de euros cada mes en construír ou mellorar centros públicos; somos a Comunidade con máis profesores por alumno e con mellor financiamento das Universidades públicas; e multiplicáronse as posibilidades da Formación Profesional. “Os gobernos que invisten na educación cren na liberdade”, sostivo.

 

Para Feijóo, a educación perde valor se non é para todos. Por iso, indicou que Galicia é o territorio coa educación máis equitativa e inclusiva, con máis prazas de comedor e, tamén, coa rede de transporte público escolar máis extensa de toda España. E aproveitou para poñer o acento no prezo das matrículas universitarias: conxeladas ano a ano na última década e as máis accesibles toda España. Igualmente, o líder do PPdeG volveu reclamar unha selectividade xusta e igual para todo o territorio español que non penalice aos alumnos galegos.

 

A EDUCACIÓN GALEGA, SINÓNIMO DE ÉXITO

Por outra banda, resaltou que, fronte aos que pretenden sementar discordia e que haxa ideoloxía nas aulas, o PPdeG quere máis coñecementos, principios e valores: “Mentres noutros lugares a educación é sinónimo de polémica, aquí é de éxito”.

 

Así, a taxa de abandono escolar reduciuse á metade e é a máis baixa da nosa historia; e o informe PISA acredita que somos a Comunidade mellor clasificada en Ciencias e entre as mellores en Matemáticas. Un mérito, recoñeceu, que lle corresponde a toda unha Comunidade: ao profesorado, ás familias, ao alumnado e, tamén, a unha Xunta que cumpre co seu deber de estabilidade, de xestión, de unidade e de entendemento.