Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado di que Sánchez virá a Galicia para apoiar ao socialista que peor defende os intereses da súa Comunidade en toda España

21 Feb 2020

21, febreiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Pedro Sánchez virá apoiar ao socialista que peor defende os intereses da súa Comunidade en toda España no mitin que celebrarán este domingo. Segundo dixo, unha vez máis Sánchez só vén á nosa Autonomía a pedir o voto, criticando que veña aquí facer campaña a favor do PSOE pero que, dende a Moncloa, a faga en contra de Galicia.

 

Pola súa parte, sinalou que aos populares gustaríalles que, en lugar disto, o presidente do Goberno viñese expresar que vai pagar os 370 millóns que lle adebeda a Galicia; que As Pontes non se pecha ou que vai haber carga de traballo no naval ferrolán antes de 2022; que o AVE estará para o Xacobeo; ou que vai aprobar un Estatuto Electrointensivo que garanta a actividade industrial.

 

Precisamente sobre este último punto, o número dous dos populares galegos referiuse ás alegacións que hoxe presentará a Xunta -consensuadas cos gobernos de Asturias e Cantabria- ao Estatuto electrointensivo do Goberno por considerar que as medidas que inclúe son insuficientes.

 

Como recordou, a crítica situación que atravesa a industria electrointensiva ten a súa orixe na ausencia absoluta dunha política enerxética por parte do Goberno central e, ante este contexto, Galicia avogou pola unidade de acción: reuníndose coas industrias electrointensivas galegas e cos traballadores de Alcoa San Cibrao para coñecer a súa posición sobre a proposta de Estatuto; e mantendo un contacto permanente con Asturias e Cantabria.

 

Cómpre apuntar que as tres comunidades recollen medidas que rebaixan o prezo eléctrico ata os 35-40 euros por megavatio para que a nosa industria poida competir en igualdade de condicións co resto de Europa. Ademais, solicitan a inclusión do consumidor hiperelectrointensivo e unha política fiscal que grave con menos impostos a enerxía que consomen estas empresas e estableza contías como as que había antes no ámbito do CO2 e no eido da interrompebilidade.

 

“Agardamos que o Goberno teña en conta as nosas alegacións e deixe de xogar coas electrointensivas galegas e os seus 5.000 traballadores”, aseverou Tellado salientando que este acordo demostra que non é unha cuestión ideolóxica, senón de defensa do interese xeral, dado que tres presidentes de diferentes partidos -Feijóo, Barbón e Revilla- son capaces de facer unha fronte común pola industria, o emprego e a defensa das súas Comunidades.

 

“Desde o PPdeG cremos que é unha mágoa que isto, que o entende todo o mundo, non sexa capaz de entendelo o PSdeG”, indicou explicando que os socialistas asturianos e cántabros defendan mellor Galicia que os galegos,  “os únicos de España que só saben calar e aplaudir a Sánchez, e que non levantan a voz por moi inxusta que sexa a decisión coa súa Comunidade”.

 

UN GOBERNO ESTABLE FRONTE O MULTIPARTITO

Por último, o secretario xeral reflexionou sobre a dimisión de Luís Villares e lembrou que quen abandonou esta semana a política era o líder da alternativa a Feijóo hai só catro anos. De feito, Tellado resaltou que, se o PPdeG non tivese obtido unha maioría absoluta en 2016, Villares tería sido presidente da Xunta; Leiceaga, que perdeu as primarias do PSdeG e hoxe está exiliado da súa formación como senador, tería sido o seu vicepresidente; e Ana Pontón probablemente estaría facendo o que fai o BNG en Madrid, apoiar ao Goberno.

 

“En 2016, Galicia tiña que escoller entre un Goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo ou un multipartito que non se sabía quen o ía liderar e que prometía ser un desastre. Galicia falou claro, e o que prometía ser un desastre de Goberno tamén foi un desastre de oposición”, subliñou.

 

Nese senso, engadiu que hoxe a situación é a mesma, tendo que elixir entre Feijóo ou o mesmo multipartito do que se segue sen saber quen o lideraría pero que conta con catro anos de liortas internas ás costas. “Non pode gobernar Galicia quen non sabe gobernar o seu partido nin unha alternativa que descoñecemos cantos integrantes terá nin quen será o seu líder”, sentenciou.