Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado apunta que a alternativa a Feijóo é un multipartito que só suporía unha grande inestabilidade para Galicia

17 Feb 2020

17, febreiro, 2020. O secretario xeral dos populares galegos e coordinador de campaña do PPdeG para as Eleccións Autonómicas, Miguel Tellado, declarou aos medios que a alternativa a Alberto Núñez Feijóo en Galicia é un multipartito que só suporía unha grande inestabilidade. Por este motivo, subliñou que o 5 de abril os galegos teremos que escoller entre un presidente e un goberno experimentado ou o experimento que representan os partidos da esquerda.

 

Tellado, que participou no Comité de Dirección que celebraron os populares galegos esta tarde, apuntou que nos vindeiros comicios está en xogo a  estabilidade política que permitiu á Comunidade crecer nos últimos anos en todos os ámbitos grazas á xestión do Partido Popular.

 

Como precisou, a cuestión é ser útiles aos galegos cun proxecto ao servizo de Galicia, que contribúa á unión da nosa Autonomía e non a dividir aos cidadáns. Para iso, o PPdeG xa iniciou os preparativos da súa campaña, que fomentará a ilusión e falará do futuro.

 

Nese senso, o secretario xeral insistiu en que o seu partido está máis ilusionado que nunca ante as Eleccións do 5 de abril. De feito, asegurou que o pasado sábado quedou claro que a formación está preparada e que teñen o mellor proxecto, engadindo que os galegos son parte tamén desa ilusión de revalidar un Goberno estable e que defenda os seus intereses.